Monday 29 de April de 2024

Rueda destaca que a Xunta xa está a traballar no compromiso de duplicar o parque público residencial ata chegar ás 8.000 vivendas en 2028


― Resalta que este verán estarán en marcha as obras para rehabilitar ou construír arredor de 400 novos inmobles protexidos

― Salienta que o Goberno autonómico destinará máis de 40 M€ ao Programa Rexurbe para facilitar a través da rehabilitación o acceso a vivendas en alugueiro social nos cascos históricos

― Este plan permitirá poñer á disposición da cidadanía 170 vivendas, 22 delas en Betanzos

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, salientou hoxe que a Xunta xa está a traballar para acadar o obxectivo de duplicar o parque público residencial ata chegar ás 8.000 vivendas en 2028.

Rueda lembrou que a consecución desta cifra é un “compromiso” de cara ao remate desta Lexislatura que está a piques de comezar. “Hai que empezar e comezamos xa”, aseverou en referencia a que este verán xa estarán en marcha as obras para rehabilitar ou construír arredor de 400 novos inmobles de promoción pública na comunidade.

O mandatario galego en funcións incidiu neste compromiso en Betanzos durante a entrega de chaves aos beneficiarios de tres vivendas públicas en réxime de alugueiro, a través do Programa Rexurbe de rehabilitación de inmobles en cascos históricos. Precisamente, esta localidade coruñesa foi a primeira en beneficiarse deste plan.

Neste caso, a Xunta vai destinar 5,5 millóns de euros para poñer á disposición dos cidadáns 22 novas vivendas e tres locais no casco histórico de Betanzos xa que, tal e como aclarou o presidente galego en funcións, aos inmobles entregados hoxe seguiranlle “rapidamente outros”, que se entregarán “en pouco tempo”.

Administración eficaz para cumprir cun “dereito fundamental”
Nesta entrega de chaves, Rueda defendeu como un “dereito fundamental” o acceso á vivenda e avogou por que “as administracións deben discutir menos, colaborar máis e ser eficaces á hora de cumprir con esta obriga”.

Por iso, incidiu na importancia de construír nova vivenda e tamén de apostar pola rehabilitación, especialmente nos cascos históricos, tanto a través da promoción directa desde a Administración, como coa colaboración pública-privada.

Máis de 40 M€ no Programa Rexurbe
No caso da Xunta, puxo en valor o Programa Rexurbe co que se adquiren inmobles nos conxuntos históricos para recuperalos ou solares baleiros co fin de habilitar novas vivendas. O obxectivo é triplo: facilitar o acceso a un fogar da cidadanía á vez que se recupera o patrimonio e se revitalizan os cascos vellos das localidades.

Nesta liña, Rueda destacou que o Goberno autonómico investirá máis de 40 millóns de euros neste programa, o que permitirá obter, a través da rehabilitación dun total de 94 inmobles, preto de 170 vivendas públicas en toda a comunidade, para destinalas a alugueiro social.